Monday 29 de April de 2024

A Xunta valora positivamente iniciativas como hostalería #porelclima que sitúa a sostibilidade como vía de recuperación do sector


A directora de Turismo de Galicia e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participaron no acto de presentación deste proxecto, impulsado por Coca-Cola e Ecodes, coa colaboración de Hostalería de España

A sostibilidade como ferramenta para afrontar con mellores garantías de futuro a recuperación da hostalería galega e o papel central que este sector ten na nosa economía centraron a presentación da iniciativa Hostalaría #PorElClima, coa que se busca que as empresas de hostalería contribúan á loita contra o Cambio Climático converténdose en establecementos neutros en carbono.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participaron no acto de presentación da iniciativa, impulsada por Coca-Cola e Ecodes, coa colaboración de Hostalería de España, que se celebrou esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia e transmitido por vídeoconferencia, o que permitiu que participaran preto dun cento de hostaleiros galegos.

Durante o acto púxose sobre a mesa o carácter multiplicador que o investimento en sostibilidade ten no desenvolvemento económico das empresas e a importancia de o sector hosteleiro de un paso adiante no seu compromiso pola descarbonización, contribuíndo así ao cumprimento dos acordos da Axenda 2030 e transformando este compromiso nun elemento que contribúa a dar un impulso á recuperación económica do sector nunha situación como a actual, xerando emprego e riqueza.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, destacou que esta pandemia veu a “acelerar procesos de transformación nos que xa estabamos inmersos, facéndonos máis conscientes da necesidade de camiñar cara a unha sociedade responsable e sostible na que cada xesto conta”. “Estamos a pór en marcha acciones que suman na defensa do planeta e tamén na recuperación do sector”, afirmou.

Durante a súa intervención para clausurar a xornada, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático subliñou que “o problema do cambio climático é unha responsabilidade e un deber de todos” polo que “”cada pequeno acto conta”. “A suma dos poucos consegue un moito e iso é o que está demandando o planeta. Estamos a tempo de impedir que se perdan moitas cousas que quereriamos que os nosos fillos e netos puideran gozar”, declarou Sagrario Pérez, quen avogou por facer da protección do lugar no que vivimos “un factor competitivo”.

Ademais, engadiu que a hostalería “pode ser un gran exemplo e, sobre todo, pode obter resultados de forma inmediata, evitando o desperdicio, manexando ben os residuos, aforrando enerxía e auga, e usando enerxías renovables”.

Adheridos en Galicia
Xurdida en 2017, Hostalería #PorElClima é unha plataforma virtual que aúna á comunidade de establecementos que decidiron comprometerse coa sociedade, coa nosa contorna e cun futuro mellor. Forma parte da Comunidade #PorElClima e está desenvolvida por Ecodes como secretaría executiva, coa colaboración estratéxica e o impulso de Coca-Cola e o apoio de Hostalería de España.

Un total de 851 establecementos xa se adheriron á iniciativa, desenvolvendo máis de 6.900 accións polo clima. En Galicia a plataforma conta con preto de 45 establecementos asociados.